Remontada para seguir soñando

10 de Febreiro de 2019
Aythami recollendo o balón tras marcar o gol do empate. Foto: Amadeo Rey.
Aythami recollendo o balón tras marcar o gol do empate. Foto: Amadeo Rey.
  • O Compos superou ao Silva tras darlle a volta ao marcador con goles de Aythami e Álex Ares

Santiago de Compostela, a 10 de febreiro de 2019.

A SD Compostela segue de doce neste inicio da segunda volta. Os branquiazuis sumaron o seu terceiro triunfo consecutivo esta mañá contra o Silva, despois de remontar na segunda parte, para seguir metidos no playoff de ascenso. Tres puntos máis que nos levan a seguir soñando con repetir a experiencia do curso pasado.

A pesar da dificultade do reto, máis aínda tralo tanto de Joao Paulo no minuto 35, o Compos repúxose cunha gran segunda metade na que marcou por mediación de Aythami e de Álex Ares, este último desde o punto de penalti.

O encontro no Grela 1 expúxose desde o inicio como unha partida de xadrez. Yago Iglesias e Javier Bardanca, aproveitando as dimensións do campo, saltaron ao mesmo con defensas de tres centrais, a propósito do perigo que se podería xerar con balóns colgados. Con todo, mentres os visitantes tentaban chegar ao ataque mediante a posesión, o conxunto local buscaba aproveitar cada despexe ou acción a balón parado para crear perigo sobre a meta de Lorenzo.

Deste xeito, os primeiros 45 minutos transcorreron con pouco ritmo por culpa das moitas interrupcións no xogo. A pesar diso, os nosos achegáronse ao tanto con varios disparos desde a frontal da área, malia que non terminaban de calibrar o punto de mira. Nesas, Aythami tivo a máis clara no 34, cando quedou só tras asistencia de Mon, pero o terreo de xogo xogoulle unha mala pasada, botoulle mal, e o disparo foise arriba.

Con todo, cando máis asentado estaba o Compos, e trala mellor opción visitante, o Silva adiantouse no marcador. A partir dun saque de banda, Lorusso gañou o balón cando se escapaba pola liña de fondo e puxo un centro á área pequena, que tras rebotar nun defensa, remachou Joao Paulo. O dianteiro atopouse co esférico sen oposición e só tivo que empuxala.

Complicábaselle aínda máis o reto ao Compos, pero coa confianza alta, sabían que co camiño que levaban acabaría chegando o tanto. Así, á volta dos vestiarios, o equipo púxose o mono de traballo e comezou a asediar o marco de Guillermo.

Mercé ás chegadas por banda, os branquiazuis comezaron a pór balóns que non terminaban de entrar, pero que si xeraban certo nerviosismo no Silva. Primeiro, Aythami non cazou senllos centros de Brais Abelenda por escasos milímetros, e a continuación, cando si recolleu o pase atrás de Miki, o balón saíulle centrado ás mans do porteiro.

Pero tanto avisou, que ao final o canario acabou mandando a pelota ao fondo da rede. Aproveitando unha xogada de xogo directo, Lorenzo sacou en longo, Santi peiteou coa cabeza e Aythami quedou só no man a man para bater a Guillermo cunha preciosa vaselina. O punta insular fixo xustiza deste xeito ao visto sobre o campo, sumando o seu décimo tanto da tempada.

Con todo, o Compos non se conformou e seguiu insistindo ante un Silva que non saía da súa área. Meteulle unha marcha máis ao xogo e acabou atopando o premio nun penalti de Michi Leal sobre Aythami. O canario, outra vez, recibía a asistencia de Brais Abelenda, pero no momento de armar o disparo era derrubado polo central.

Álex Ares, encargado da tarefa dos once metros, colleu a pelota e non se puxo nervioso. O mediapunta enganou por completo ao meta, selando a remontada cun golpeo raso á cepa do poste dereito da portería.

Esta xogada trouxo consigo maior castigo para os locais, xa que Lorusso, Scalon e Michi Leal acabaron expulsados ante as protestas ao árbitro. Contra oito xogadores, o Compos durmiu a pelota, malia que con certo nerviosismo nalgún momento, para acabar selando este meritorio triunfo nun campo moi complicado.

O Compos puido celebrar así o seu terceiro triunfo seguido, dous deles lonxe do Vero Boquete, para seguir enganchado no playoff e cargarse de moral antes do duelo da próxima xornada contra o Paiosaco. Con 45 puntos, os nosos seguen soñando.

FICHA TÉCNICA:

1- Club Silva SD: Guillermo; Brais Lema, Fiuza, Michi Leal, Scalon, Lorusso; Souto (Aarón Sánchez, m.77), Kata (Joni Fila, m.70), Charly (Toni Insua, m.81), Marcos Gómez; e Joao Paulo.

2- SD Compostela: Lorenzo; Sergio Pereira, Álvaro Casas, Chechu; Miki, Samu (Josiño, m.73), Mon, Álex Ares, Brais Abelenda; Santi e Aythami (Naveira, m.88).

Goles: 1-0: Joao Paulo, min.35; 1-1: Aythami, min.72; 1-2: Álex Ares, min.83.

Árbitro: Casanova Cudeiro, colexio ourensán. Expulsou con vermella directa a Lorusso (m.83), e por dobre amarela a Scalon (m.83) e Michi Leal (m.83) por dobre amarela. Ademais, amoestou a Souto, Charly, Kata, Aarón Sánchez e Marcos Gómez, polos locais; e a Sergio Pereira, Mon e Aythami, polos visitantes.

Incidencias: Partido da vixésimo terceira xornada de liga do grupo 1 da Terceira División disputado no Campo Grela 1 ante 600 espectadores.

Youtube

Instagram Compos

Flickr Amadeo Rey

  • COMPOSTELA- 2 PONTEVEDRA- 2
  • COMPOSTELA- 2 PONTEVEDRA- 2
  • COMPOSTELA- 2 PONTEVEDRA- 2
  • COMPOSTELA- 2 PONTEVEDRA- 2
  • COMPOSTELA- 2 PONTEVEDRA- 2
  • COMPOSTELA- 2 PONTEVEDRA- 2

Instagram Canteira

Twitter Canteira

Facebook

2 days ago

SD Compostela
🎙️ 𝐑𝐝𝐏 | Pablo Antas 🗣️ O mediocentro tamén falou na previa á visita ao Real Oviedo Vetusta⚽️ O capitán, que volve ao equipo tras sanción, remarcou a necesidade de sumar, tras moito tempo, unha vitoria coma visitantes#VetustaCompos ... See MoreSee Less
Ver en Facebook

2 days ago

SD Compostela
🎙️ 𝐑𝐝𝐏 | Antón Permuy🗣️ PREVIA antes da visita ao Real Oviedo Vetusta, este sábado, ás 16.00 horas, no Requexón⚽️ O técnico destaca a melloría do equipo e centra o foco en conseguir a vitoria en terras asturianas#VetustaCompos ... See MoreSee Less
Ver en Facebook

5 days ago

SD Compostela
Este sábado, en Oviedo, só vale gañar para poder seguir na pelexa! 🩵🤍🆚 Real Oviedo Vetusta🗓️ 20.04.24⏰ 16.00🏟️ El Requexón 📺 www.youtube.com/@realoviedo#VetustaCompos ... See MoreSee Less
Ver en Facebook

5 days ago

SD Compostela
🗓️ 𝐏𝐋𝐀𝐍 𝐃𝐄 𝐓𝐑𝐀𝐁𝐀𝐋𝐋𝐎⚒️ Tralo gran esforzo de onte, os nosos regresan esta mañá ao traballo centrados no seguinte obxectivo, conseguir a vitoria ante o Real Oviedo Vetusta#VetustaCompos ... See MoreSee Less
Ver en Facebook

All contents © copyright SD Compostela. All rights reserved.