O derbi quedou na capital

Álex Ares e Miki celebrando un dos goles do mediapunta no partido patrocinado por Halé Shop. Foto: Amadeo Rey.

Álex Ares e Miki celebrando un dos goles do mediapunta no partido patrocinado por Halé Shop. Foto: Amadeo Rey.

  • Un hat trick de Álex Ares na segunda metade decidiu o duelo para un gran Compos

Santiago de Compostela, a 10 de marzo de 2019.

A SD Compostela levou o derbi. O conxunto branquiazul realizou un gran encontro e o resultado, por fin, reflectiu o visto sobre o campo. Foron noventa minutos no que os nosos mostraron a súa mellor cara, a que afán sacar nos seus partidos no Vero Boquete de San Lázaro. Pese ao sufrimento final, esta vitoria, ademais de pola entidade do rival, pon a cabeza da táboa nun puño.

Aythami adiantou aos branquiazuis no minuto 7, pero á volta do descanso, nunha mala cesión ao porteiro, igualou Armental. Con todo, Álex Ares selou un hat trick, cun gol de penalti, outro de falta e o último de caño, para pór unha clara vantaxe. Esta sería a definitiva, a pesar de que Juan Antonio e Miguel Villarejo recortaron o marcador nos últimos instantes.

Coa mellor entrada do curso, o Compos saltou ao tapete de San Lázaro convencido de que sería unha gran tarde. De novo co debuxo de catro defensas, os branquiazuis saíron máis fortes e aos sete minutos meteron a primeira na rede. Nunha contra, Marcos Remeseiro buscou ao espazo a Miki, quen chegou á área e puxo a asistencia para que Aythami definise coa perna esquerda lanzándose.

O golpe de moral do tanto espoleou a un equipo que, co apoio da bancada, seguiu insistindo. No 17, Miki puxo o centro chute, despexou Diego Rivas co pé, e no rexeite, Samu lanzou un disparo potente abaixo que volveu sacar o meta, cambiado instantes despois por lesión.

Con Anxo inédito, ambos equipos fóronse ao descanso con sensacións totalmente opostas. Con todo, á volta dos mesmos, a mala fortuna entrou en xogo e volveu caer sobre os nosos. O pase atrás de Chechu para Anxo quedou moi curto e Armental, en velocidade, colleu o balón e enviouno á rede no man a man.

Tocaba remar de cero, pero o Compos subiuse rápido ao barco e viu de novo o encontro de cara cando, seis minutos despois, Álex Ares transformaba o penalti sobre Aythami. O dianteiro canario foi tirado por Catú na área e o mediapunta colleu a responsabilidade para superar a Chema. Sería só o seu primeiro gol.

Esta vez, os nosos estaban dispostos a xa non perder a vantaxe e nun tirón de nove minutos tocaron á porta tres veces, antes de que caese o gol. Miki fixo das súas nas tres accións: primeiro puxo a asistencia para Marcos Remeseiro, pero o seu gol de tacón foi anulado por fóra de xogo; despois buscou a Aythami, pero o ariete non chegou por milímetros; e, para terminar, sacou a falta que propiciou o terceiro tanto, tras un caneo sobre o lateral.

Nesa acción a balón parado, Álex Ares volveu coller a responsabilidade e, enganando a todo o mundo, soltou un zambombazo con efecto ao primeiro pau ao que non puido chegar Chema.

Dous de vantaxe, pero aínda caeu o cuarto. Marcos Remeseiro, inconmensurable no seu traballo, roubou o balón na frontal da área rival e este caeu a un Álex Ares que, tras superar a tarascada do central, bateu a Chema por baixo das pernas. O hat trick pechouno con outra obra de arte coa súa punteira.

Parecía todo sentenciado, pero a fortuna non quixo que os nosos tivesen un final plácido. O Racing espertou con balóns colgados e tras dous centros laterais meteuse no duelo. Primeiro, Seoane atopou a cabeza dun Juan Antonio que, cun bonito escorzo, enviou a pelota cruzada á rede.

 E no 82, Armental puxo un centro tenso no que Miguel Villarejo se adiantou á defensa e definiu cruzado coa súa zurda, pegado ao pau.

O 4-3 non era apto para cardíacos, pero entrou Piscu, o Compos afianzou a defensa atrás e, a pesar dos seis de engadido, o marcador xa non se moveu. O asubío do árbitro foi un alivio para todos, para xogadores, para corpo técnico e para os 1.500 seguidores. Por fin, o fútbol facía xustiza a este club.

A SD Compostela volveu así a saborear os meles do triunfo e superou con fartura este novo porto de montaña. Tocou sufrir ata o final, pero mereceu a pena. Os nosos adiantan á UD Ourense, rival o sábado no Couto, e achéganse aos dous primeiros.

FICHA TÉCNICA:

4- SD Compostela: Anxo Pérez; Saro, Álvaro Casas, Chechu, Naveira; Samu, Marcos Remeseiro (Santi, m.81); Miki, Álex Ares (Mon, m.69), Brais Abelenda; e Aythami (Piscu, m.87).

3- Racing Club de Ferrol: Diego Rivas (Chema, m.24); Seoane (Marcos Álvarez, m.76), Catú, Garrido, Miguel Villarejo; Pau, Beltrán; Armental, Joselu, Pablo Rey; e Juan Antonio.

Goles: 1-0: Aythami, min.7; 1-1: Armental, min.47; 2-1: Álex Ares, min.53; 3-1: Álex Ares, min.62; 4-1: Álex Ares, min.68; 4-2: Juan Antonio, min.75; 4-3: Miguel Villarejo, min.82.

Árbitro: Abel Bruzos, comité lucense. Amoestou a Álvaro Casas, Naveira, Anxo e Mon, polos locais; e a Beltrán, Catú, Miguel Villarejo e Pablo Rey, polos visitantes.

Incidencias: Partido da vixésimo sétima xornada de liga do grupo 1 da Terceira División disputado no Estadio Vero Fenda de San Lázaro ante 1.500 espectadores. Antes do inicio, o grupo santiagués Novedades Carminha realizou o saque de honra.

Compartir en Redes Sociales

Relacionado