O Compos perde no inexpugnable Santa Mariña

Intento de picada de Josiño ante Cortegoso. Foto: Amadeo Rey.

Intento de picada de Josiño ante Cortegoso. Foto: Amadeo Rey.

  • Os goles de Antón Vilas e Félix, un en cada parte, déronlle o tres puntos a un gran Choco

Santiago de Compostela, a 14 de abril de 2019.

A SD Compostela non puido ser o primeiro en bater o fortín de Santa Mariña, no que caeu por 2-0 contra un gran Choco. Os branquiazuis sufriron os tantos psicolóxicos dos locais, un ao fío do descanso e outra á volta, e non puido aproveitar as picadas de rivais directos.

Antón Vilas tras unha gran xogada individual, no 39, puxo o primeiro no luminoso, mentres que Félix anotou o definitivo, no 49, despois dunha contra na que finalizou cun golpeo cruzado.

Repetindo mesmo once inicial que a xornada pasada, o Compos quería repetir triunfo. A pesar diso, sabía que tiña por diante un duro reto, romper a imbatibilidade do Campo de Santa Mariña ante un Choco que está a realizar unha gran segunda volta.

A pesar das dimensións do terreo de xogo, moi similares ás do Vero Boquete, os nosos tiñan que aclimatarse canto antes á herba artificial do fortín de Redondela. Con este obxectivo, a receita era a de sempre, ter o balón e someter ao rival con el.

Con todo, en fronte atopábase cun conxunto vermellón ao que tamén lle gusta a posesión, provocando un duelo de poder a poder cun respecto máximo. Ante a dificultade para ganduxar xogadas trenzadas, os balóns parados e os centros laterais presumíanse decisivos e foi por esta vía pola que avisaron os locais.

Caloi sacou o córner pechado, Comis controlouna e cedeulla para un Félix que lle pegou con todo de primeiras, pero cando o balón se coaba no arco apareceu Sergio Pereira, quen a interceptou co corpo.

Foi o primeiro aviso do que chegaría un cuarto de hora máis tarde. Nun balón en longo de Cortegoso, Antón Vilas guisouno e comeuno. O extremo gañoulle o salto á defensa, caracoleou entre as pernas branquiazuis e cruzouna ao fondo da rede coa súa perna dereita.

Tocaba remar tras o tanto, pero pese ao descanso, o que volveu golpear foi o Choco. Os locais aproveitaron un saque de Lorenzo que quedou curto para montar unha contra rápida e anotar o segundo. Comis controlou o esférico e cruzou a asistencia á chegada dun Félix que a cravou ao pau longo co interior da bota.

A pesar de que Lorenzo apareceu evitando o terceiro da tarde, tras un testarazo de Samu á saída dunha falta, o Compos pasou a dominar baixo a choiva co paso dos minutos. Os nosos deron un paso adiante e comezaron a xerar as primeiras oportunidades de perigo sobre a meta de Cortegoso .

Josiño, cun intento de vaselina ao que chegou moi forzado, tivo a primeira, malia que a máis clara chegaría cun lanzamento de falta de Álex Ares que sacou da escuadra o meta.

Con todo, non era a tarde do Compos e a pesar de que insistiu con balóns á área, non foi capaz de materializar ningún deles. Os locais, cunha defensa numantina, despexaron todos os centros e pecharon a vitoria no seu fortín.

Deste xeito, os nosos marcháronse sen carga para Santiago, sen aproveitar o tropezo dalgún dos seus rivais directos. Non puideron fiar triunfos, pero o equipo xa pensa no duelo do xoves contra o CD Arenteiro, no que será o regreso ao fortín do Vero Boquete.

FICHA TÉCNICA:

2- CD Choco: Cortegoso; Yerai, Aitor Cañedo, Samu, Lazcano; Caloi (Yago Vázquez, m.88), Nacho; Comis (Cora, m.77), Félix, Antón Vilas (Gabi Misa, m.84); e Gabri Palmás.

0- SD Compostela: Lorenzo; Sergio Pereira, Piscu, David Uña, Naveira; Mon, Marcos Remeseiro (Álex Ares, m.57); Miki (Rubén, m.77), Josiño, Brais Abelenda (Santi, m.57); e Aythami.

Goles: 1-0: Antón Vilás , min.39; 2-0: Félix, min.49.

Árbitro: Pérez Prado, comité lucense. Amoestou a Samu  e Cora, polos locais; e a Naveira  e Santi, polos visitantes.

Incidencias: Partido da trixésimo segunda xornada de liga do grupo 1 da Terceira División disputado no Campo de Santa Mariña ante 750 espectadores.

Compartir en Redes Sociales

Relacionado