O Compos non quere baixarse da moto

  • O equipo viaxa ao Campo de Santa Mariña, invicto ata o momento, coa intención de fiar triunfos

Santiago de Compostela, a 12 de Abril de 2019.

A SD Compostela non quere baixarse da moto. O conxunto branquiazul, tras superar ao Boiro, quere fiar triunfos e seguir metendo presión aos dous conxuntos que o preceden na táboa. Con esta meta, viaxan ao difícil Campo de Santa Mariña, no que non gañou ninguén este curso, no que se medirán ao Choco, un dos mellores equipos da segunda volta.

“Os números falan da súa condición de invicto no seu campo, polo que será moi complicado, e tamén mostra o que é este conxunto”, explicou Yago Iglesias en rolda de prensa.

Do cadro de Redondela, o adestrador branquiazul destaca que, pese ao cambio de técnico, tras moitas tempadas cos irmáns Montes, “continúan moitos xogadores da tempada pasada, xunto con outros de categorías inferiores cos que acertaron”.

Por este motivo, “están aí, con opcións de meterse entre os catro primeiros”, ao que se suma o aliciente “da visita do Compostela”, polo que demostra a dificultade do reto.

A pesar da súa derrota contra o Paiosaco na última cita, o conxunto santiagués non se fía. “Gañar fóra é moi difícil nesta categoría, polo que temos que fiarnos dos números como locais, porque os equipos no seu feudo crécense e imos pensando en que mostrarán esa imaxe”, analizou o técnico.

Nesta aventura, non poderán estar Álvaro Casas e Samu, cos que se agardará á semana próxima, Chechu, co que non se quere forzar, e Alberto, que aos poucos vai entrando nos plans do grupo. Nos que se irán atópase un Josiño que anotou o seu terceiro gol do curso o domingo pasado. “Danse unha serie de circunstancias polos que saio no once e trato de aproveitalo ao máximo”, comentou o mediapunta, quen se atopa moi agradecido e aprendendo moito no seu primeiro curso en Santiago.

Os dezaseis que forman parte da expedición saben o complicado desta saída, pero coa confianza moi alta, os nosos esperan superala, non baixándose da moto e pelexando por meter presión aos seus rivais polo liderado e afastando aos perseguidores.

Compartir en Redes Sociales

Relacionado